Avançar para o conteúdo

Aloumiños da Terra

Rosi 626199479 (Ponteareas)

Descrición

Aloumiños da Terra somos Rosi e Ernes. Todo comezou hai uns anos nun curso de horta ecolóxica en Mondariz . A curiosidade e as gañas de aprender fixo que nos xuntáramos. Unha vez rematado o curso, quixemos pór en marcha todos os nosos coñecementos. Uniunos as gañas de vivir do noso traballo no campo e o desenvolvemento persoal en contacto coa natureza.

Darlle Aloumiños á Terra significa traballala con respecto, aportarlle produtos libres de química para que nos agasalle con alimentos sans e agradábeis ao padal.

Vender o noso produto é un xeito de gañarnos a vida, mais tamén é facer extensíbel un modelo de consumo alimentar máis xusto co medio, e connosco.

Nada disto tería sentido se non quixeramos seguir vivindo deste xeito. O noso obxectivo é conseguir chegar a quen procure alimentarse con verduras e froitas sans e de proximidade. Continuar co reparto semanal ás persoas que confían en nós, e partillar con elas un anaquiño da vida. Repartir Aloumiños con sabor á Terra.

Todos os nosos produtos son de tempada, un xeito de educar as persoas na temporalidade da alimentación. Así mesmo traballamos con produtoras galegas de alimentos envasados, algúns con certificado ecolóxico mais todos tratados de xeito natural, como son aceite, cervexa, marmeladas, queixos…

Emprazamento

Cada unha co seu, Rosi coas súas hortas en Areas (Ponteareas) e Ernes coas súas en Cabral (Vigo), pero xuntas labrando, sementando e sachando. O cultivo é maiormente en exterior, agás un pequeno invernadoiro en Vigo.

Cultivos

Partimos de sementes propias ou de plantón e sementes en ecolóxico ou de confianza. O noso cultivo acolle unha variedade de horta de tempada, así como aromáticas e unha pequena finca con froiteiras.

Comercialización

Ofrecemos os nosos produtos a través de listados semanais por whatsapp (Rosi, 626199479) e repartimos semanalmente a domicilio os pedidos. Asistimos a diversas feiras.

Documentación do SPG A Gavela

Código QR

QR Code