Belén e Xacobe. Reboreda (Redondela) / 699117128
Descrición
“A horta do Cadaval” é o proxecto agroecolóxico de Belén e Xacobe, e comezou a dar os seus primeiros pasos no ano 2005. Dende entón podemos dicir que foron anos de aprendizaxe continua.
Estamos situados en Redondela, na parroquia de Reboreda e máis concretamente no barrio do Cadaval.
Dende o noso comezo o proxecto ten mudado de forma, pero en esencia a nosa filosofía segue a ser a mesma, vivir dunha maneira sinxela, apegados á terra e respectando a vida e os seus ciclos. Moitas foron as motivacións que nos levaron a dar os primeiros pasos. A principal o noso activismo no mundo do naturalismo e do ecoloxismo, que nos fixo entender que para a protección da biodiversidade natural e do seu medio era fundamental voltar a vivir no campo e, sobre todo, a vivir do campo.
Tivemos a grande sorte de coñecer a persoas que facían agricultura ecolóxica tanto na Galiza coma en Cataluña, coñecer os seus proxectos, as súas motivacións e iso foi o impulso definitivo para iniciar o noso propio.
Emprazamento
Dispoñíamos de terras en Reboreda, terras que levaban anos sendo traballadas de xeito natural, sen empregar ningún tipo de sustancia química, e iso foinos de grande axuda. Foi así que comezamos a botar sementes a terra, con moita ilusión e pouca experiencia, pero con moitas gañas de aprender.
Cultivos
Aínda que a maior parte dos produtos que ofertamos son de horta, agora mesmo estamos ampliando a nosa plantación de froiteiras, para diversificar máis a nosa produción. Tamén en determinadas épocas do ano, elaboramos pan e doces para ofrecer aos nosas clientas.
Comercialización
Unha das nosas máximas sempre foi “pensa global, actúa local”, así que con ese pensamento comezamos a perfilar o noso proxecto. Gústanos a idea de producir e vender localmente, de estar en contacto directo cos nosos consumidores, e de participar nos mercados locais. Con esa premisa comezamos a vender o que producíamos, primeiro a través de amigos, e pouco a pouco fomos ampliando a nosa rede de venda. Na actualidade servimos produto a 2 grupos de consumo, un grupo de consumo en Pontevedra e outro en Moaña, temos unha rede de distribución de cestas no entorno de Redondela, e vendemos no mercado de Redondela, aínda que participamos doutros mercados que poidan xurdir na contorna.
Rede
Podemos dicir que este proxecto segue a medrar e a evolucionar, xa que estamos en continua transformación e adaptación. Para nós segue a ser moi importante cultivar biodiversidade e procurar poñer en valor sabores e saberes que xa non se coñecen. Por iso formamos parte da Rede Galega de Intercambio de Sementes, onde todas estas cuestións teñen o seu espazo.
Tamén formamos parte do Sindicato Labrego Galego, sendo na actualidade, Belén responsable da dirección de Horta, froita e Flor.
Colaboramos con Amigos da terra na realización de cursos, de apoio a hortas comunitarias, e tamén na creación de hortas escolares.
Sempre que podemos damos o noso apoio a todas aquelas persoas que comezan facilitándolles información sobre a nosa experiencia, a través de charlas, cursos, visitas e obradoiros.
Pensamos que aínda temos moito que aprender para poder autodenominarnos labregos, pero nos gusta aprender na terra, producir alimentos sans e variados e loitar por transformar esta sociedade dende a terra, poñendo no lugar que se merece a produción de alimentos.
Documentación do SPG A Gavela
- 2016. Folla de visita: Horta
- 2021. Folla de visita: Horta