Avançar para o conteúdo

Despensa

DesPensa, Colectivo de Alternativas e Consumo Responsable

Gondomar / 600606166

Descrición

DesPensa, é un grupo aberto, autoxestionado, asembleario, participativo e horizontal, composto por persoas preocupadas pola saúde, a calidade e produción dos alimentos, o coidado do medio e das persoas e a soberanía alimentaria. Dende agosto de 2012 vense reunindo periodicamente co obxectivo de levar á práctica e promover unha alternativa ao sistema agroalimentario.

Trátase de ofrecer un espazo común para a xente interesada en Des-Pensar a nosa forma de alimentarnos e todo o proceso que implica, adoptando unha actitude crítica fronte ó modelo de consumo imposto e tentando levar á práctica xeitos máis éticos de satisfacer as nosas necesidades.

Aínda que comezamos centrándonos na alimentación, ultimamente estamos tamén comezando a ampliar os nosos intereses a outros sectores como a roupa e os produtos de hixiene.

Tamén nos parece importante a formación e as actividades paralelas que van xurdindo no grupo.

Que facemos

  • Compra conxunta de alimentos de xeito regular, seguindo os criterios acordados para a selección dos produtos -que a produción sexa respectuosa co medio e coas persoas que traballan nela, priorizando os proxectos pequenos, con selo ecolóxico ou de confianza, o máis próximos posibles, saudables,…-
  • Compartimos pedidos con outros grupos de consumo
  • Troco de excedentes de hortas entre xs membrxs do grupo.
  • Compartir coñecementos, experiencias, opinións,… sobre as inquedanzas comúns.
  • Organizamos actividades compartidas (mercado segunda man, receitas, sementadas..)

Como nos organizamos

Facémolo de modo asembleario e participativo. Propoñemos, informamos, opinamos e decidimos en común.

Para facilitar o traballo organizámonos en comisións, de modo que cadaquén participa na medida do posible nalgunha delas: pedidos, contas informática, comunicación, actividades, legalidade. Así, entre todas, repartímonos as tarefas precisas para que a nosa actividade sexa posible.

Levamos isto a cabo polos seguintes medios: As asembleas mensuais nun local cedido por unha asociación de veciñxs de Nigrán, unha lista de correo compartida, grupo de telegram e un Dropbox común onde gardamos e organizamos toda a documentación relacionada cos pedidos, produtoras, contas, contactos…

Documentación do SPG A Gavela

Código QR

QR Code